Tras presentarse a semana pasada a proposta de actualización do Plan de Normalización Lingüística, a Confederación de Anpas Galegas reaccionou este luns ao documento, no que ve unha mera «declaración de intencións» que «non é suficiente» para facer fronte á «emerxencia lingüística» na que se atopa o galego. Neste sentido, a asociación de nais e pais de alumnos reitera a necesidade de modificar a normativa educativa por ser un eido fundamental para «recuperar a lingua».
Tras presentarse a semana pasada a proposta de actualización do Plan de Normalización Lingüística, a Confederación de Anpas Galegas reaccionou este luns ao documento, no que ve unha mera «declaración de intencións» que «non é suficiente» para facer fronte á «emerxencia lingüística» na que se atopa o galego. Neste sentido, a asociación de nais e pais de alumnos reitera a necesidade de modificar a normativa educativa por ser un eido fundamental para «recuperar a lingua».
Desde 2010, en Galicia o reparto lingüístico na educación formal faise en base ao establecido no coñecido como o Decreto do Plurilingüismo, que fixa dúas cuestións que están dende entón no seo do debate. Por unha banda, na modalidade ordinaria a metade das materias debe impartirse en galego e a outra metade en castelán, e na bilingüe, repártense a tres partes iguais tamén co inglés. Pola outra, acouta que materias se poden dar en cada idioma, sendo o galego obrigatorio nas que teñen máis carga lingüística e o castelán, nas de ciencias, como Matemáticas. Isto choca, por exemplo, coa Carta Europea das Linguas, que aboga pola liberación das materias científicas de cara a dar máis prestixio ás linguas minorizadas.
É a esta cuestión á que Anpas Galegas fixo referencia no seu comunicado, en liña con reivindicacións anteriores, ao entender que esta cuestión debería terse abordado de xeito directo na proposta. «Por que non falamos directamente de cambio normativa? Sería a única garantía real para acadar os cambios necesarios. Cambio de normativa e un estrito seguimento do seu compromiso porque a gravidade da situación o require», sinalan, asegurando que a recuperación da lingua galega non pasa «nin por boas prácticas, nin por recomendacións, nin por incentivos». Se ben é imprescindible para recuperar a lingua, a escola, indican, tamén é actualmente «a principal causa» da súa perda.
O documento si contempla a posibilidade de negociar este reparto, pero sempre mantendo o equilibrio lingüístico entre as dúas linguas cooficiais da comunidade e supeditada a unha unanimidade entre as forzas políticas que por agora semella, cando menos, complexa.
Para Anpas Galegas, o que o galego precisa son «medidas concretas», porque as familias queren que os seus nenos e nenas «teñan lingua propia, de seu, que se sintan seguros e seguras dela, de utilizala, de comprendela totalmente e que se sintan orgullosos, tamén, da súa cultura».
«Por suposto que queremos que adquiran competencias noutras linguas», apuntan, indicando que «como mínimo» os cativos deben dominar tamén o castelán, pero esta, salientan, «é a lingua cooficial e non é escusable que a nosa lingua desapareza baixo ela», dado que «non partimos dunha situación de igualdade». «Se realmente todo este tempo e esforzo se dedicara a buscar solucións, estariamos no bo camiño. Non deixa de sorprender a capacidade deste goberno para tomarnos o pelo e facernos perder o tempo», conclúen.
Suscríbete para seguir leyendo